sábado, 18 de xuño de 2016

Apoio á comunidade escolar do CEIP O Calvario-Queixas (Cerceda).


O modelo educativo sustentado polas escolas unitarias é futuro
As escolas de educación infantil, denominadas comúnmente como escolas unitarias, conforman un sector relevante do sistema de ensino público establecido para o segundo ciclo de educación infantil, isto é para os nenos e nenas de tres a seis anos. 
Sosteñen mesmo un modelo educativo singular, dada a especificidade que lle atribúen as características que as definen: 
-Ensino multinivel, ao convivir na mesma aula alumnos e alumnas de cuarto, quinto e sexto de infantil o que favorece a creación dun marco de relacións interpersoais rico e complexo. 
-Atención individualizada na diversidade, inducida pola coexistencia de varios ritmos e actividades lectivas simultáneas adaptadas a cada tramo de idade, e mesmo a cada neno considerado individualmente.
-Métodos pedagóxicos avanzados, aplicados na procura de solucións adaptadas á configuración da aula multinivel, e implementados por un exercicio da labor docente cun relativamente alto grao de liberdade profesional e o conseguinte compromiso persoal do/a mestre/a. 
-Integración no medio social, froito da proximidade, accesibilidade e importancia social da escola no seu contorno, sobre a base de relacións duradeiras, estables e sólidas. 
-Permeabilidade á participación das familias, partindo da sinxeleza da escola e a facilidade de interlocución de todos os sectores educativos nun contorno inclusivo. 
Son, polo tanto, as escolas unitarias máis que unha rede escolar con entidade propia e integradas harmonicamente no conxunto, son tamén os piares dun modelo educativo específico. Os seus efectos positivos son os beneficios cara ao alumnado propio, en canto a logros competenciais acadados a respecto do itinerario educativo establecido con carácter xeral, tal e como demostra o alto nivel de satisfacción das familias.
 E aínda destaca que a existencia do modelo sostido polas unitarias facilita a aparición dun espazo común de vivencias diversas das familias, e un ámbito de debate pedagóxico sobre experiencias empíricamente contrastables na diversidade, aspectos que redundan en beneficio do conxunto e na consecución dun ensino público de calidade. 
No plano internacional e concretamente no ámbito europeo, son numerosos os países que desenvolven con mecos e planificación a mellora da primeira etapa da escolarización, cun lugar destacado do aproveitamento das vantaxes que proporciona a escola multinivel. Neste sentido por mor do hábitat poboacional disperso, Galicia representa una sociedade que ten moito que achegar, motivo polo que produce abraio a dinámica inxustificada de peches de escolas e erosión paulatina e irremediable da rede de escolas unitarias.
Somos optimistas e temos a convicción profunda de que visibilizar e prestixiar ás escolas unitarias na comunidade educativa e na sociedade en xeral, suporá que a administración educativa nos acompañe no obxectivo compartido do ensino de calidade, no que o modelo educativo sustentado polas unitarias sexa valorado na súa xusta medida no presente, e potenciado cunha orientación adecuada de cara ao futuro.

As nais e pais da comunidade escolar do CEIP O Calvario-Queixas (Cerceda), contactan coa comunidade escolar da área educativa de Betanzos a través da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín, e trasladan o risco de peche da escola unitaria de Queixas por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
O peche de escolas unitarias supón a realización por parte da administración educativa dun exercicio activo de castigo e ensañamento coa comunidade educativa afectada e incomprensiblemente o fomento do empobrecemento social que supón o desmantelamento dunha escola con décadas de servizo á comunidade. Mais tamén representa unha agresión ao conxunto do ensino público do que a rede de escolas unitarias conforma unha parte relevante e sumamente valiosa.

Por iso, a ANPA Brigantium, representativa das nais e pais da comunidade escolar da área educativa de Betanzos DECLARA:
-Coa finalidade de reverter a dinámica de peches impulsados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia e garantir a continuidade de todos os centros educativos, expoñemos o noso apoio e respaldo á iniciativa social promovida pola comunidade escolar do CEIP O Calvario-Queixas (Cerceda) pola continuidade da Escola de Queixas, en beneficio da contorna social máis próxima e tamén do conxunto da nosa sociedade na percura dun ensino público de calidade.

Pola Xunta Directiva da ANPA Brigantium

Amaya García, Presidenta.

En Betanzos, a 17 de Xuño de 2016

luns, 9 de xuño de 2014

BONO5 Escola Aberta


Podes premer na imaxe para ver en detalle.
Presentación Pública do Informe Escolas Unitarias, Escola de Vangarda, Escola Aberta ao Futuro.
Data: Venres 13 de Xuño ás 17 horas
Lugar: Salón de Actos CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos.
-Presentación do Informe Escola Aberta ao Futuro. Por parte do equipo de Redacción.
-As Escolas Unitarias da Zona de Betanzos en Imaxes (Video).
-Espectáculo Poético-Musical MOITA POESÍA, POUCA DIVERSIÓN. A cargo das Poetas María Lado e Lucía Aldao.
Haberá exemplares impresos do informe Escolas Abertas ao Futuro e camisetas verdes de apoio ás escolas unitarias facilitadas polo Concello de Coirós.
A poesía e a diversión poñémola ás familias polo que desde a Iniciativa Escola Aberta ao Futuro, propoñemos financiar o espectáculo poético-musical nós mesmas a través da colaboración voluntaria mediante os BONO5 con aportacións de 5 Euros/Familia ou colaborador/a.
Para colaborar, podes:
1-Recortar o BONO5 e enviarllo a través da mochila do/a alumno/a á/ao mestra/e do teu centro escolar.
Ou tamén:
2- Ingresar 5 Euros na conta ES93-2080-0018-0930-4003-1085 da ANPA O CRUCEIRO da EEI de Coirós e avisar mediante e-mail a escolabertaofuturo@gmail.com cos teus datos.


De antemán, grazas. Sen a túa colaboración non sería posible

xoves, 5 de xuño de 2014

Presentación do Informe Escola Aberta ao Futuro



Podes premer na imaxe para ver en detalle
O vindeiro venres 13 de Xuño ás 5 da tarde no Salón de Actos do CEIP Francisco Vales Villamarín realizarase a presentación pública do Informe colaborativo Escolas Unitarias, Escola de Vangarda, Escola Aberta ao Futuro.
PROGRAMACIÓN

17:00 Presentación do acto a cargo do equipo de redacción do documento.
Andrés Otero, director CEIP Francisco Vales Villamarín
Olga Abella, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Fontelo-Ois
Susana García, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Souto
Conchi Fernández, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Coirós
Yolanda Sánchez, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Areas
Clara Hermida, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Viñas
Paula Boado, presidenta da ANPA O Cruceiro da EEI de Coirós de Arriba
Amaya García, presidenta da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín
 Moncho Bouzas, vocal da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín 

17:15 As Escolas Unitarias da zona de Betanzos en imaxes (vídeo).

17:30 Recital poético-musical a cargo de María Lado e Lucía Aldao: “Moita Poesía, Pouca Diversión”.
(Os asistentes poderán adquirir un bonocolaboración para axudar a financiar este espectáculo)
Ao remate do acto  repartiranse camisetas deseñadas por alumnado de Escolas Unitarias. 


Iniciativa Escola Aberta ao Futuro:
EEI de Areas EEI de Coirós EEI de Viñas EEI de Ois EEI de Souto
CEIP Francisco Vales Villamarín 
ANPA Brigantium ANPA O Cruceiro ANPA O Acivro

Área Educativa de Betanzos. 

luns, 2 de xuño de 2014

para o océano

para o océano
ti eras só un neno de fanequeiras vermellas que  a area enterraba, 
un brazo fortemente prendido da miña saia morada
teño medo dos bichos, mami, dos bichiños do mar
e con forza de xigante collíaste da tea.
só así deixabas que o mar che lambese, sen avanzar, as pernas, 
cravados ti e eu fronte a liña pola que a tarde escapaba.
mollándose o rodo da saia coas puntas do mar 
ti
… acordaste diso? eras só un neno 
ao abrigo do monte de mallou
os dous éramos pequeniños, coma as caramuxas, no areal deitado
un dedo de brisa percorrendo as nosas costas 
peiteando as herbas de namorar no lombo da praia 
e esas outras prantas, mami, esas que son rabiños de coello
son, si. son.
e cando se moven así é porque os coellos están contentos
están
lémbralo? eu escribira fronte ao mar 
estás aquí neste poema, ves?
e mamá tamén
e o mar
e os bichiños do mar?
tamén, e os rabiños de coello
todos aquí dentro deste poema, nesta botella, aquí metidos construíndo un recordo deste día
bótala ao mar, meu amor?
pero calabas, agarrado á saia que a brisa preñaba.  
e a onde iremos?
a onde o mar nos leve
e habemos de volver
non sabemos
e ti estarás comigo?
ata o último verso.
dende a ribeira vímola marchar. ti e máis eu, do outro lado do poema,
acórdache?
    (poema perdido nunha botella)


María Lado

...,e a poeta Lucía Aldao, aldao+lado compartirán con nós, na presentación pública do Informe Escola Aberta ao Futuro a celebrar o vindeiro 13 de Xuño ás cinco da tarde no salón de actos do CEIP Francisco Vales Villamarín, o seu recital poético-musical MOITA POESÍA, POUCA DIVERSIÓN.

venres, 30 de maio de 2014

Todos somos capitáns

Imos á procura dun soño, faremos lúas de papel
Levamos a choiva nos ollos, o mellor aínda está de ser
Imos á procura dun soño, tentarémolo conseguir
A maxia está do noso lado e levarémola xunto a ti


Todos somos capitáns
Compañeiros de lugar
Ti sorrís coma nós
Porque somos coma vós.


Imos á procura dun soño, por lonxe que pareza estar
Nadaremos cos golfiños polas ondas do teu mar
Imos á procura dun soño, pecha os ollos e verás
Hai estrelas e camiños que sempre nos guiarán


Todos somos capitáns...


Imos á procura dun soño, faremos lúas de papel
Levamos a choiva nos ollos, o mellor aínda está de ser
Todos somos capitáns…



Magín Blanco. A Nena e o Grilo nun Barquiño. Editado por Fol Música, 2013.

Agradecemos a Magín Blanco que nos permita a reproducción da letra da canción TODOS SOMOS CAPITÁNS no Informe Escolas Unitarias, escola de vangarda, escola aberta ao futuro. Tamén agradecemos a súa satisfacción polo uso da canción a modo de banda sonora da iniciativa.
Escoita, escoita,...


que a singradura de A Nena e o Grilo nun Barquiño chegará a porto no Centro de Servizos Sociais de Coirós como parte da Iniciativa Escola Aberta ao Futuro. Será o venres 6 de Xuño en horario lectivo, no marco do desenvolvemento das IV Xornadas de Convivencia CEIP Vales Villamarín-Escolas de Coirós.

xoves, 29 de maio de 2014

Escolas de Educación Infantil de Paderne

Escola de Educación Infantil de Souto

A escola de Educación Infantil de Souto-Paderne está situada na parroquia de Souto e a súa construción data aproximadamente dos anos 70.

Trátase dunha construción de planta baixa en forma de ele. Consta de dúas salas con entradas independentes, unha  dedicada á escola e outra, máis grande, a actividades de psicomotricidade.

O patio da escola ten aproximadamente 80 metros e nel atópanse unha palmeira, unha randeeira para dous nenos/as e un tobogán. O chan está cuberto de pedra e a zona das randeeiras de cortiza. Ten un cerramento metálico.

A aula mide aproximadamente 50 m e o colgadoiro, aseos e almacén 18 m. Dentro da aula non hai puntos de auga, mais temos 2 nos aseos que se comunican directamente con esta. O chan é de tarima flotante.

A iluminación natural fórmana 6 ventás de aluminio e unha porta acristalada, que se abre cara a dentro, dúas pequenas  ventás nos aseos e outra ventá no almacén.

O mobiliario está en bo estado. As mesas e cadeiras son novas e de madeira.

A clase ten conexión a internet e na clase contamos coa PDI.

O cadro de persoal fórmano a titora, a mestra de inglés (que  tamén fai funcións de apoio na escola) e a mestra de relixión.

Tamén se realizará a actividade de psicomotricidade nas dependencias da Asociación de Veciños de Viñas, dous mércores cada mes. Esta actividade realizámola de forma conxunta as 3 escolas de Paderne.

As actividades extraescolares e complementarias, saídas e celebracións ao longo do curso escolar tamén se levan a cabo conxuntamente.

Escola de Educación Infantil de Viñas 

Este centro escolar está situado no lugar de San Pantaleón das Viñas, no Concello de Paderne. Nel impártese o 2.º ciclo de Educación Infantil (3, 4 e 5 anos).

Aínda que a escola está situada nun medio predominantemente rural, non se pode ignorar a influencia do contorno, pois está moi cerca de núcleos de poboación máis  urbanos (Miño, Betanzos...) e a principal dedicación das familias non é agrícola nin gandeira, senón que está máis ben encamiñada ao sector servizos.

A aula está moi ben equipada en todos os aspectos (o mobiliario é novo) e ten internet e encerado dixital con proxector.

Na escola hai clase de inglés dous días por semana e esta mestra tamén presta labores de apoio.

O recinto escolar consta dos seguintes espazos:

-Un edificio no que está a escola dunha parte e doutra un local similar que o Concello emprega como Aula de Usos  Múltiples.

-As vivendas correspondentes aos dous locais. Nunha delas o Concello imparte diferentes actividades extraescolares e a outra é utilizada como almacén pola escola.

-Un recinto exterior que dispón dun espazo verde con aparellos infantís e outra parte cuberta de grixo.

-Un pequeno patio cuberto pechado no que se gardan os materiais que usamos no recreo e nas clases de psicomotricidade.

Cada quincena as tres escolas do Concello nos reunimos no Local Social da Asociación de Veciños de Viñas para facer distintas actividades e para que os nenos teñan contacto entre eles.

Escola de Educación Infantil de Areas

A escola de Areas está situada no lugar do mesmo nome, e pertence á parroquia de Santiago de Adragonte. O edificio no que se sitúa construíuse no ano 1958 e desde aquela funciona como escola.

É unha construción rectangular coa aula na planta baixa e vivenda en desuso no andar superior. Está rodeada dun patio de recreo moi amplo con varias árbores distribuídas por el como camelias, un magnolio, unha moreira, un liquidámbar… Para que os nenos e as nenas xoguen hai unha alfombra con bambáns e tobogán.
A superficie da aula é dun sesenta metros cadrados, cun solo de tarima flotante. Antes de entrar nela temos os aseos e os  colgadoiros para os alumnos e alumnas.

A fachada principal ten sete grandes ventás que lle proporcionan unha boa iluminación natural. Ten bastante mobiliario. Dispón de conexión a internet e PDI.

O cadro de persoal fórmano unha mestra titora, unha mestra  especialista en lingua inglesa e unha mestra de relixión católica.

A actividade de psicomotricidade levámola a cabo nas dependencias da asociación de veciños de Viñas dous mércores cada mes. Facémola de forma conxunta as tres escolas de Paderne.

As distintas actividades extraescolares e complementarias, as saídas e as celebracións que facemos ao longo do curso, tamén se levan a cabo conxuntamente.


Responsables das Escolas de Educación Infantil de Souto, Viñas e Areas
Autoras: Susana García, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Souto, Yolanda Sánchez, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Areas e Clara Hermida, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Viñas